Sunday 05 de May de 2024

A Xunta leva investidos máis de 439.000€ no reforzo do equipamento de emerxencias dos concellos para actuar ante nevaradas


― O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, de coitelas quitaneves destinadas ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil de Negueira de Muñiz, Ourol e Xermade

― O Goberno galego adquiriu este ano 12 coitelas quitaneves por 80.000 euros, as 3 entregadas hoxe e outras 9 para os municipios ourensáns de O Bolo, A Mezquita, Parada de Sil, Riós, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, A Veiga, Viana do Bolo, e a Mancomunidade Terra de Celanova

― A Xunta realizou un importante esforzo nos últimos anos con case 20 millóns de euros cos que dotar aos servizos de emerxencias dos concellos do equipamento necesario para garantir a seguridade da cidadanía

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, fixo entrega hoxe xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias de equipos de coitelas quitaneves ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) dos concellos de Negueira de Muñiz, Ourol e Xermade co obxectivo de mellorar a súa capacidade de resposta ante as nevaradas.
Nesta liña, a Xunta achegou desde 2015 máis de 439.000 euros no que se refire a material de emerxencias específico para actuar ante nevaradas coa entrega de 18 coitelas quitaneves, 3 cuñas e 62 esparexadores de sal.
Neste ano, o Goberno galego investiu 80.000 euros na adquisición de 12 coitelas quitaneves, as 3 entregadas hoxe na provincia de Lugo e as outras 9 das que se fixo entrega tamén esta semana ás AVPC dos concellos ourensáns de O Bolo, A Mezquita, Parada de Sil, Riós, San Cristovo de Cea, San Xoán de Río, A Veiga, Viana do Bolo e da Mancomunidade Terra de Celanova.
Os concellos adxudicatarios destas coitelas están incluídos no Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia) que teñen unha altitude media por enriba dos 500 metros e resultan ser os mais castigados por xeadas e nevadas, o que fai moi necesario este material para manter a viabilidade nas vías de comunicación de titularidade municipal.

O director xeral de Emerxencias e Interior considera unha prioridade que os efectivos de emerxencias conten con recursos para realizar as súas intervencións con maior eficiencia e, sobre todo, con seguridade, traballando nas mellores condicións posibles e co mellor equipamento.

Deste xeito, a Administración autonómica reforza a dotación de material dos servizos de emerxencias dos concellos, cun importante esforzo de case 20 millóns de euros nos últimos anos para equipar ás Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e os Grupos Supramunicipais de Emerxencias (GES) e conten co material necesario para garantir a seguridade da cidadanía.
No que se refire ás AVPC, o material entregado hoxe forma parte da última orde de axudas da Xunta para equipamentos de emerxencias de concellos e mancomunidades de menos de 50.000 habitantes, dotada con 932.400 euros. Ademais, o Goberno galego inviste máis dun millón de euros na convocatoria deste ano, a través da que se cederán 19 vehículos todocamiño tipo pick-up, seis remolques para a atención das emerxencias, 26 tendas de campaña, oito coitelas para a retirada de neve e oito esparexadores de sal.
As Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da comunidade recibiron nos últimos anos 15 millóns de euros por parte da Xunta, 11 millóns en equipamento e outros 4 millóns para o seu mantemento ao abeiro da orde de axudas anual coa que o Goberno galego apoia os seus gastos de funcionamento e que este ano contará cunha partida de 340.000 euros.